o viño
→ nota de cata
VIÑO: Moraima
ZONA DE PRODUCCIÓN: Rías Baixas
VARIEDADES: Albariño 100%
O proceso de elaboración do albariño Moraima comeza coa selección dos acios na propia viña. Unha vez na adega, ós acios retíraselles o raspón, causando así unha leve rotura da pel, que permite unha saída parcial do mosto. Macérase na súa totalidade a 8º durante unhas dez horas con lixeiros remontados. A continuación, extráese o mosto xema lentamente, desfángase e pásase ó depósito de fermentación (onde previamente se ten incorporado o pé de cuba), que se produce a unha temperatura de 15,5 ºC durante aproximadamente vinte días. A continuación, trasfégase, e déixase o viño sobre unha lía fina que é remontada periódicamente. Mediante a cata vaise vendo a evolución do viño ata que se considera que está no momento óptimo para o embotellado.
Moraima é un viño de carácter varietal, onde detacan a súa amplitude e equilibrio gustativos. Á vista amósase limpo e brillante, de cor amarelo pallizo con reflexos verdosos. En nariz, é intenso e complexo, con toques frescos de froitas e flores brancas. En boca, ten un ataque suave, equilibrado en corpo e acidez, redondo, saboroso, e moi persistente.
Recoméndase a súa degustación a unha temperatura de entre 12 e 14º.