5 cousas que aprendemos indo ao ExpoANTAD & Alimentaria 2019

by 15/Mar/2019Eventos

Entre os días 5 e 8 de marzo tivo lugar en Guadalajara (México) a Feira ExpoANTAD & Alimentaria 2019. Pese a ser unha pequena adega, quixemos coñecer de primeira man a acollida dos nosos viños nun mercado tan diferente ao noso como o de México; así que baixo o paraugas de IGAPEXunta de Galicia, ICEX, Cámara de Comercio de A CoruñaFEDER da Unión Europea, diriximos os nosos pasos ao outro lado do Atlántico, onde vivimos unha experiencia inesquecíbel, da que saliento estas cinco:

O stand de Viña Moraima en ExpoAntad & Alimentaria 2019

1. Sen roaming non hai paraiso

Aínda que na Unión Europea desfixémonos xa do tan temido roaming, a situación non é a mesma cando viaxamos a outros países. Así que perfectamente informados por Manuel Fernández da Cámara de Comercio da Coruña (quen nos foi recibir ao aeroporto de Cidade de México para darnos unhas indicacións coas que desenvolvernos ao ser esta a nosa primeira visita ao país), o primeiro que fixemos ao deixar as maletas no hotel foi buscar unha tenda de Oxxo (hainas por todas partes) e facernos cunha tarxeta de datos.

Son múltiples as posibilidades á hora de contratar unha liña telefónica mexicana. No noso caso, optamos por unha liña prepago de 7 días de vixencia (20 pesos, aproximadamente 1 euro), e a continuación facer recargas (nós recargamos por 100 pesos, que son uns 5 euros) para a utilización tanto do teléfono dentro do país, como para acceso ilimitado a Internet (incluídas redes sociais, e chamadas ).  A única desvantaxe desta tarifa tan económica era a imposibilidade de realizar comunicacións con Galicia; cousa que se pode cambiar usando Skype, ou incluso Whatsapp ou Telegram.

2. Como nos movemos nunha cidade de máis de 20 millóns de habitantes?

As estadísticas din que varias das cidades máis perigosas do mundo están en México; así que con carácter previo a viaxar a este país é aconsellábel ler as recomendacións do Ministerio de Asuntos Exteriores.  No noso caso, tamén recibimos unhas indicacións moi úteis por parte da Cámara de Comercio de A Coruña.

A hora dos nosos desprazamentos, nós optamos por Uber, servizo ao que se accede a través da súa plataforma web (de aí, por exemplo, a necesidade de contar cunha boa tarifa de datos). As vantaxes deste servizo (que non se me enfade ninguén, pero a todos nos teñen feito moitas advertencias sobre a inseguridade do servizo de taxis en segundo que cidades do mundo) foron, neste caso, evidentes: solicitude de coche con condutor dende calquera punto da cidade, coñecer o prezo da carreira e o chófer antes de contratalo, a posibilidade de pagar directamente a través da plataforma (Paypal ou tarxeta de crédito), e o envío inmediato ao correo electrónico do recibo de pagamento coa opción de pedir factura.  Para os máis precavidos: a capacidade de informar en tempo real a outro usuario coa aplicación móbil de que estamos utilizando un vehículo de Uber.

3. Que ben marida o Moraima Albariño coa comida mexicana!

Aproveitando a nosa viaxe a ExpoANTAD, acordamos pasar un tempo en cidade de México e visitar aos nosos clientes de Bajo de la Tintorera. Despois dunha xuntanza de traballo, invitáronnos xantar nun dos restaurantes Puntarena, onde están en carta os nosos viños Aba de Trasumia e Moraima Albariño.

Acompañando os distintos pratos que nos ofreceron (tanto de peixe como de carne) cun Moraima Albariño de 2015 en botella magnum, puidemos comprobar in situ que os viños de Rías Baixas casan á perfección coa comida mexicana; cousa que, todo hai que dicilo, xa sospeitabamos.

4. Tira o reloxo!

Se es desas persoas para a cal a puntualidade é fundamental, México non é o teu país. A cousa é así.

Certo que as distancias son enormes (Cidade de México ten 20 millóns de habitantes e Guadalajara uns 8 millóns, por exemplo), e o tráfico resulta  totalmente imprevisible; o que ten como consecuencia inmediata a práctica imposibilidade de chegar á hora a citas ou xuntanzas sucesivas. Estas continuas esperas e retardos, que poden parecer unha falta de respecto para nós, e o seu xeito de traballar.

Para compensar, tampouco se respecta a hora inicialmente prevista para o remate das reunións, polo que realmente as xuntanzas duran o tempo previsto (aínda que non sexa á hora inicialmente sinalada).

Catrina

5. Nin “híjole” nin “ándele”, o que máis escoitamos en Guadalajara foi “Me han dicho que tienes un tinto impresionante, ¿puedo probarlo?”

O noso Moraima Caíño sorprendeu e gustou. E gustou moito. Proba diso é que moitas das persoas que se achegaron ao noso posto no ExpoANTAD viñan recomendadas por outras que nos visitaran antes.

Partimos dunha realidade: a calidade dos viños de Rías Baixas e indiscutíbel, e atópanse xa entre os máis recoñecidos a nivel mundial. Pero a maior parte da xente só coñece os nosos brancos e non sabe que tamén elaboramos tintos.  Por iso foi tan especial o que sentimos ao ver que a 10000 km de distancia, moitas das persoas que se achegaron a nós quedaron sorprendidas cando lles contamos que somos unha das poucas adegas que elaboran un Caíño 100%, e que esta é unha caste autóctona que nin sequera se pode atopar en toda Galicia. O carácter atlántico do viño namorou e como exemplo déixovos esta publicación de instagram:

Instagram

By loading the post, you agree to Instagram’s privacy policy.
Learn more

Load post

Experiencias como a que vivimos nesta feira indícannos que estamos a facer as cousas ben, e empúrrannos a seguir adiante. Nuns meses poderemos ver os resultados económicos desta experiencia, pero vista a acollida dos nosos viños, as sensacións non poden ser mellores.

Deica outra México!

PROXECTO COFINANCIADO POR IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

FONDO EUROPEO DE
DESENVOLVEMENTO
REXIONAL

“UNHA MANEIRA DE
FACER EUROPA”

Pin It on Pinterest

Esta área está preparada para widgets

Podes colocar aquí calquera widget que queiras.

You can also display any layout saved in Divi Library.

Let’s try with contact form:

My cart
Your cart is empty.

Looks like you haven't made a choice yet.