… e a filla de Moraima veunos visitar!

by 31/Out/2021As nosas cousas, Eventos

Moito nos tedes preguntado porqué o nome de Moraima, e esta é unha historia que tivo o seu xerme, sen nós sabelo, fai moitos anos; antes incluso de que a idea de xuntarnos neste proxecto pasara polo noso maxín. A cousa foi tal que así:

Unha historia persoal

Aló polos anos 80 do século XX, cando o Día das Letras Galegas non era festivo, tiven a sorte de que o director do meu instituto (A Xunqueira I), fose D. Xosé Fortes Bouzán, que un dos seus amigos fose Suso Vaamonde, e que este viñera dar un concerto ao noso instituto un xoves pola tarde. Entre outras moitas, cantou Moraima, que me pareceu realmente fermosa. Só depois de algún tempo, descubrín que se trataba do Poema 1972, II  pertencente ao libro Onde o mundo se chama Celanova de Celso Emilio Ferreiro.

E aí quedou, gardado na miña memoria.

YouTube

By loading the video, you agree to YouTube's privacy policy.
Learn more

Load video

 

Que Viña Moraima sexa unha (moi) pequena cooperativa ten como un dos seus grandes activos e peculiaridades, ao meu entender, a participación de todos nós na toma das decisións. Despois da de constituírnos, a máis importante que tomamos, foi a da escolla do nome para o noso viño.

Propuxen:

Porqué non Moraima?

Os que coñecían o poema entenderon a perfección o que trataba de dicirlles, e os que non, en canto llelo lemos, empezaron tamén a darlle voltas a idea. E así acabou sendo: un viño con nome de muller e de poema.

Porque Moraima é, ben o sabedes, un fermoso poema de amor que o escritor adicou a súa dona; pero para nós é unha metáfora do que sentimos polo que os nosos antepasados nos deixaron e queremos legar aos que nos sucedan: o amor pola terra, pola nosa tradición e o modo de vida que nos trouxo ata aquí. E que mellor exemplo que o viño?

A visita de Isabel: a filla de Moraima

Aínda que Moraima é un nome propio (bastante frecuente en América, por exemplo), como sabiamos que dun xeito ou outro sempre vai unido ao escrito, en canto acordamos chamar así ao noso viño (e por extensión á nosa adega) xa nos puxemos en contacto coa Fundación Celso Emilio Ferreiro, co gallo de pedirlles autorización para o seu uso. Contamos dende o principio con ese permiso (non deixaremos nunca de darlles as grazas), e sempre mantivemos contacto e unha magnífica relación con eles.

Mais o que pasou onte foi realmente especial, porque Isabel, a filla de Moraima (si, e de Celso Emilio) e o seu fillo Lois viñeron onte á nosa casa.

Gústanos moito recibir a todo o mundo na adega: pensamos que é a mellor forma que temos de explicar quen somos e a nosa filosofía de traballo. Pero a visita de onte foi certamente emocionante, e gardarémola sempre como un dos fitos da nosa pequena historia particular.

Agradecementos

Grazas aos amigos que organizaron esta sorpresa para Isabel. Grazas a Isabel Ferreiro e ao seu fillo Lois Vaquero Ferreiro por vir e novamente a Isabel (e a Ana) por recitar Moraima para nós. Non podiamos recibir mellor agasallo!

YouTube

By loading the video, you agree to YouTube's privacy policy.
Learn more

Load video

E por esta foto que tanto significa para nós, e en particular para min.

Isabel Ferreiro filla de Celso Emilio Ferreiro e Moraima visita Viña Moraima

De esq. a der. Manuel Fontán actual presidente, Salomé Cancela, Isabel Ferreiro e Lois Vaquero Ferreiro

Porque nós, cando queremos vivir, erguemos unha copa de Moraima.

Pin It on Pinterest

Esta área está preparada para widgets

Podes colocar aquí calquera widget que queiras.

You can also display any layout saved in Divi Library.

Let’s try with contact form:

My cart
Your cart is empty.

Looks like you haven't made a choice yet.